MSX
| MSX | |||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| |||||||||
| |||||||||
| Características | |||||||||
|
Sistema operativo
| |||||||||
|
Procesador
| |||||||||
| |||||||||
| |||||||||
| |||||||||
| Wikidata G:Commons C:Commons | |||||||||
MSX é unha arquitectura estandarizada para ordenadores domésticos, anunciada por ASCII Corporation o 16 de xuño de 1983.[1][2] Foi concibido inicialmente por Microsoft como un produto para o mercado xaponés e comercializado conxuntamente por Kazuhiko Nishi, director de ASCII Corporation.[3] Microsoft e Nishi concibiron o proxecto como un intento de crear estándares unificados entre varios fabricantes de sistemas informáticos domésticos da época, do mesmo xeito que o estándar VHS para as máquinas de vídeo doméstico.[4][5] O primeiro ordenador MSX vendido ao público foi un Mitsubishi ML-8000, lanzado o 21 de outubro de 1983, marcando así a súa data oficial de lanzamento.[6]
Os sistemas MSX eran populares no Xapón e noutros países. Hai diferentes relatos sobre as vendas de MSX. Unha fonte afirma que se venderon 9 millóns de unidades de MSX en todo o mundo, incluíndo 7 millóns só no Xapón,[7] mentres que o fundador de ASCII Corporation, Kazuhiko Nishi, afirma que se venderon 3 millóns no Xapón e 1 millón no estranxeiro.[8] Malia a participación de Microsoft, poucas máquinas baseadas en MSX foron lanzadas nos Estados Unidos.[9]
O significado do acrónimo MSX segue sendo obxecto de debate. En 2001, Kazuhiko Nishi lembrou que moitos asumían que derivaba de «Microsoft Extended», referíndose ao Microsoft Extended BASIC (MSX BASIC) integrado. Outros crían que significaba «Matsushita-Sony». Nishi dixo que a definición orixinal do equipo era Machines with Software eXchangeability («máquinas con intercambiabilidade de software»),[10] aínda que en 1985 dixo que o nome derivaba do mísil MX.[11] Segundo o seu libro de 2020, consideraba que o nome do novo estándar debería constar de tres letras, como VHS. Consideraba que «MSX» era axeitado porque significaría «o próximo de Microsoft» e tamén contén as primeiras letras de Matsushita (Panasonic) e Sony.[12]
Antes do éxito de Family Computer de Nintendo, o MSX era a plataforma para a que desenvolveron os principais estudios de videoxogos xaponeses como Konami e Hudson Soft. Os dous primeiros xogos da serie Metal Gear lanzáronse orixinalmente para hardware MSX.
Historia
[editar | editar a fonte]Contexto tecnolóxico no Xapón
[editar | editar a fonte]
Na década de 1980, o Xapón estaba no medio dunha importante recuperación económica; críase que as maiores empresas de electrónica xaponesas poderían capturar o mercado dos ordenadores domésticos, que ata finais da década de 1970 estivera dominado polos Estados Unidos e o Reino Unido.
As importantes sinerxías de deseño, combinadas coas considerables capacidades de fabricación das empresas xaponesas, permitiríanlles desenvolver máquinas mellores e máis accesibles que as producidas polos occidentais. O mercado xaponés de 8 bits estaba, de feito, dominado por máquinas de produción nacional como o NEC PC-8801, o Sharp X1 e o Fujitsu FM-7, que, como era o caso en Occidente, eran incompatibles entre si.[13]
Deseño e desenvolvemento
[editar | editar a fonte]O estándar MSX naceu despois de que Kazuhiko Nishi vise os ordenadores SV-318 e SVI-328 de Spectravideo. Nishi recoñeceu o potencial do SV-328 e solicitou e obtivo unha licenza de Spectravideo para usar os seus ordenadores como base para un novo estándar. Despois do acordo, Spectravideo comezou a colocar o logotipo «MSX» nos anuncios comerciais do SV-318 e do SV-328, afirmando tamén que estes ordenadores permitirían o uso de software escrito para futuros ordenadores MSX, aínda que isto non era totalmente certo: aínda que se usaron como punto de partida para o MSX, os ordenadores SV-318/328 tiñan algunhas diferenzas con respecto a estes, en primeiro lugar o BIOS integrado. Spectravideo vendeu posteriormente os seus dereitos sobre o hardware do novo estándar a Microsoft, da cal ASCII Corporation era o representante para o mercado xaponés.[14]
Cando se anunciou o estándar MSX e un grupo de importantes empresas xaponesas anunciaron os seus plans para introducir máquinas baseadas nel, houbo unha onda de pánico na industria estadounidense. Non obstante, cando as máquinas MSX comezaron a chegar ao mercado occidental (finais de 1984), xa non eran competitivas: IBM presentara o IBM PC, Apple renovara completamente a súa liña de ordenadores co seu Macintosh, mentres que Commodore lanzara o seu Commodore 64 uns dous anos antes e, a partir de 1985, adquiriu Amiga e comezou a producir novos ordenadores baixo esa marca. Malia a participación de Microsoft, que desenvolveu tanto o intérprete MSX BASIC como o sistema operativo de disco MSX-DOS, este proxecto tiña a súa sede no Xapón en lugar dos Estados Unidos, e Microsoft nunca mencionou esta participación na súa historia corporativa, senón que destacou outras colaboracións, como o IBM PC[15] e o Apple Macintosh.[15]
Evolución e decadencia do sistema MSX
[editar | editar a fonte]
O MSX deu lugar a catro xeracións. As tres primeiras, MSX (1983), MSX2 (1985)[16] e MSX2+ (1988), eran ordenadores de 8 bits baseados no microprocesador Z80. O MSX2+ lanzouse exclusivamente no Xapón.
Orixinalmente estaba previsto o lanzamento dun novo MSX3 en 1990, pero os atrasos no desenvolvemento do seu Video Display Processor (VDP) deseñado por Yamaha, fixeron que non se cumprise o prazo de comercialización.[17] No seu lugar, lanzouse o MSX «TurboR», que empregaba o novo microprocesador R800 de 16 bits personalizado desenvolvido por ASCII Corporation para o MSX3, pero con funcións como o DMA e o enderezamento de 24 bits desactivadas.
Pero os problemas co ASCII e a ruptura con Microsoft a principios de 1986 tamén estaban a causar algúns problemas. Nishi e Gates tiveron unha disputa e Microsoft anunciou o fin da colaboración en 1986. Despois de declarar que Nishi lle debía máis de 500.000 dólares, Microsoft creou a súa propia filial xaponesa.[18] Pero ASCII Corporation continuou prosperando.
En total, coñécense polo menos 265 modelos de ordenadores compatibles con MSX, pero pode haber máis; é difícil determinar todas as variantes que se produciron.[19] En 1995, a produción de ordenadores MSX, que xa estaba limitada ao Xapón desde finais da década de 1980, cesou debido á aparición dos PC compatibles con IBM como estándar.
Os ordenadores IBM PC comezaran a establecerse como o estándar de facto a principios da década de 1980, pero eran moito máis caros que os ordenadores domésticos; o MSX tiña como obxectivo competir como un estándar económico. Segundo Kazuhiko Nishi, o MSX fallou no seu intento porque non tivo en conta o mercado de segunda man, o que co tempo fixo que o custo dos PC máis potentes baixase por debaixo do dun MSX novo.[20]
Impacto
[editar | editar a fonte]

En Xapón, Corea do Sur, Arxentina e Brasil, o MSX foi o sistema informático doméstico preeminente da década de 1980. Tamén foi bastante popular na Europa continental, especialmente nos Países Baixos e España. Aulas cheas de ordenadores Yamaha MSX en rede, usáronse para ensinar informática en escolas dalgúns países árabes, a Unión Soviética e Cuba, onde foron moi utilizadas nas escolas.[21] Non obstante, o MSX non se converteu no estándar mundial previsto debido á limitada adopción noutros mercados.
Unha máquina Sony MSX2 foi lanzada ao espazo cara á estación espacial rusa Mir.[22]
Iniciativas de relanzamento no século XXI
[editar | editar a fonte]Anos 2001-2010
[editar | editar a fonte]
En 2001, Kazuhiko Nishi intentou reavivar a paixón polo MSX co proxecto «MSX Revival», baseado nun emulador de MSX chamado MSX PLAYer, o primeiro emulador oficial de MSX. En 2004, a empresa neerlandesa Bazix anunciou que se convertera no representante europeo da Asociación MSX, converténdose tamén no punto de contacto en inglés para cuestións de marcas rexistradas e licenzas de MSX. Mediante un acordo coa empresa xaponesa D4 Enterprise, Bazix lanzou o sitio web WOOMB.Net o 17 de outubro de 2006, vendendo xogos MSX en inglés como executábeis para Windows 9x/ME/2000, cunha selección inicial de 14 títulos. As vendas no Xapón comezaron primeiro a través do Proxecto EGG.[23]
En agosto de 2006, D4 Enterprise tamén presentou un novo sistema compatible con MSX-2 chamado «1chipMSX»,[24] baseado nun chip FPGA Altera Cyclone EP1C12Q240C8. O «1chipMSX» está aloxado nunha caixa de plástico transparente e pódese conectar a un monitor ou televisor, ten unha entrada de teclado PS/2, admite as extensións de audio MSX-MUSIC e Konami SCC+, ofrece 2 conectores de cartucho MSX, conta cun porto para tarxetas de memoria SD/MMC (que se poden usar como dispositivos de almacenamento externos), emula unha unidade de disco e pódese usar para arrincar MSX-DOS. Grazas ao seu hardware programable en VHDL, é posible engadir compatibilidade con novas extensións de hardware ao dispositivo simplemente executando un programa de reconfiguración directamente desde MSX-DOS. O sistema tamén ten dous portos USB, que se poden usar despois de programar a súa compatibilidade mediante código VHDL.[25]
Anos 2011-2020
[editar | editar a fonte]
En 2011, AGE Labs anunciou «GR8BIT», un kit de bricolaxe para montar un microordenador MSX.[26] O kit, licenciado pola MSX Licensing Corporation, está dirixido a aqueles que queiran aprender sobre hardware informático. Inclúe todos os compoñentes necesarios para montar un ordenador compatible con MSX2 agás un chasis ATX, fonte de alimentación, unidade de disquete, disco ríxido, teclado PS/2 e monitor.
En 2019, un grupo de afeccionados desenvolveu o «MSX Mini Replica».[27] Trátase dunha reprodución a escala 1:2 do ordenador Philips VG-8020 compatible co software das xeracións MSX, MSX2, MSX2+ e TurboR. Incorpora 2 portos USB, unha saída de vídeo HDMI e usa internamente o mesmo hardware que o «C64 Mini». A conexión dun periférico adicional chamado MSX Player permite executar xogos orixinais en cartuchos ROM.
Anos 2021 en diante
[editar | editar a fonte]En 2022, a empresa Nishi anunciou un renacemento oficial do estándar informático MSX chamado «MSX3», que se implementaría en múltiples configuracións, incluíndo un cartucho de actualización para os ordenadores MSX existentes. Máis tarde, en 2023, tras unha exitosa campaña de financiamento colectivo, revelouse un dispositivo IoT semellante a unha Game Boy cun teclado, o «MSX0», destinado a usos de IoT, xunto coa unidade base MSX3. Os plans tamén inclúen un supercomputador, o MSX Turbo X 128, baseado no concepto de clústeres.[28] O proxecto detívose tras a quebra de Nishi.[29][30]
Características técnicas
[editar | editar a fonte]
Inspirados polo éxito do VHS como estándar para gravadores de vídeo, moitos fabricantes de hardware xaponeses, coreanos (Samsung, Daewoo, GoldStar), sudamericanos (Gradiente, Talent) e europeos (Philips, Schneider Rundfunkwerke, Phonola, Fenner, Radiola, Olimpya, Vestel), así como a estadounidense Spectravideo, construíron e promocionaron ordenadores MSX. Calquera software ou dispositivo que levase o logotipo de MSX era compatible cos produtos desenvolvidos por outros fabricantes participantes no proxecto. O estándar consistía principalmente nun conxunto de compoñentes que xa estaban dispoñibles para os fabricantes de ordenadores: a CPU principal é un Zilog Z80 que funciona a unha frecuencia de 3,58 MHz; os gráficos son proporcionados polo chip Texas Instruments TMS9918A, xa usado na microcomputadora TI-99/4A, con 16 KB de VRAM dedicada; o audio é proporcionado polo chip de son YM2149F, que tamén controla parcialmente as operacións de entrada/saída; o control das interfaces de E/S paralelas, como a xestión do teclado, encárgase a unha Intel 8255 PPI (Programmable Peripheral Interface ou «Interface Periférica Programable»).[31]

En realidade, ningún destes compoñentes representaba nada particularmente avanzado, pero aínda así eran especificacións razoables para construír unha boa máquina en 1982 cando Nishi propuxo o estándar, e xa eran compartidas por outros sistemas da época, como o ordenador doméstico Coleco Adam (para o que máis tarde tamén se propuxo un emulador de MSX por software grazas ao cal tamén se podía executar algún software nesta máquina) ou a consola Sega SG-1000. Para reducir custos, moitos fabricantes empregaron un procesador personalizado chamado "MSX-Engine", que integra nun só chip algúns dos compoñentes dos sistemas MSX como o PPI, o chip de son compatible con YM2149 así como outros compoñentes, ás veces incluso a propia CPU Z80. Aínda que a idea detrás destas especificacións era reducir os custos, case todos os ordenadores MSX usaban un teclado profesional en lugar dun teclado de goma máis barato, polo que o custo das máquinas acabou por subir de novo. O uso destes compoñentes, combinado co MSX-DOS de Microsoft, converteu os ordenadores MSX en bos ordenadores domésticos competitivos, aínda que máis caros que as ofertas da competencia. A arquitectura do ordenador baseábase nun estándar común e as poucas diferenzas foron introducidas principalmente por fabricantes individuais. O sistema operativo de xestión de discos MSX-DOS era compatíbel con CP/M e moi semellante a MS-DOS; en particular, era compatíbel con varios programas da súa contraparte máis famosa (MS-DOS), incluíndo dBase II, Turbo Pascal versión 3 e WordStar, e tamén implementaba unha versión especial de BASIC, MSX BASIC.[31]
Dado que a pantalla do MSX 1 orixinal estaba limitada a 40×24 caracteres en modo texto, creáronse kits de expansión que actualizaron a pantalla a 80×24 caracteres, dándolle ao MSX un aspecto máis profesional.[31]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Laing, Gordon (2004). Digital Retro: The Evolution and Design of the Personal Computer (en inglés). Ilex Press. ISBN 9781904705390 – vía Google Books.
- ↑ "ASCII Express: 新しいホームパーソナルコンピュータ仕様 MSX". ASCII (en xaponés) (ASCII) 7 (8). 1983. ISSN 0287-9506.
- ↑ Wood, Robert (1983). "Japanese Seek to Dominate Home Market". InfoWorld (en inglés) 5 (49): 158. Arquivado dende o orixinal o 2022-04-07. Consultado o 2019-09-16 – vía Google Books.
- ↑ "MSX: The Japanese Are Coming! the Japanese Are Coming!". The Register (en inglés). June 27, 2013. Arquivado dende o orixinal o 2020-01-12. Consultado o 2018-11-17.
- ↑ "Kazuhiko Nishi". eNotes.com (en inglés).
- ↑ "The First MSX". ascii.jp (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 2022-10-25.
- ↑ Loguidice, Bill (2017-04-14). "The Bright Life of the MSX, Japan's Underdog PC". PC Gamer (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 2021-11-27. Consultado o 2021-11-27.
- ↑ "【伝説のパソコンMSX】仕掛け人がついに明かす「失敗の本質」". ダイヤモンド・オンライン (en xaponés). 2020-12-26. Arquivado dende o orixinal o 2023-07-19. Consultado o 2023-05-25.
- ↑ Root, Howard; Williams, Brian (agosto de 1984). "Faceoff: Will MSX Be a Success in the United States". Creative Computing (en inglés) 10 (8): 198. Arquivado dende o orixinal o 2019-02-07. Consultado o 2011-08-25.
- ↑ Nishi, Kazuhiko (2001-04-21). MSX Fair Tilburg 2001 – by Totally Chaos (video) (en inglés). Escena en 14:40. Archived from the original on 16 de xaneiro de 2026. Consultado o 2019-02-01.
- ↑ Watt, Peggy (4 February 1985). "Japan's MSX Poised for the US". InfoWorld (en inglés) (InfoWorld Media Group, Inc.) 7 (5): 19–20. Arquivado dende o orixinal o 2022-04-07. Consultado o 2020-10-03 – vía Google Books.
- ↑ Nishi, Kazuhiko (2020-12-05). "ついに明かされる! 伝説のパソコン「MSX」誕生の驚くべき"舞台裏"". Diamond Online (en xaponés). Arquivado dende o orixinal o 2021-01-21. Consultado o 2021-02-22.
- ↑ Dvorak, John C. (2006-11-28). "Whatever Happened to MSX Computers?". Dvorak Uncensored (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 2008-12-18. Consultado o 2011-06-22.
- ↑ Roger Samdal. "Historial de SpectraVision" (en inglés). Consultado o 2013-01-13.
- 1 2 Channel 9 (ed.). "The History of Microsoft - 1984" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 2010-09-05. Consultado o 2010-10-28.
- ↑ "MSX2". Old-Computers.com: The Museum (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 2014-09-04. Consultado o 2014-09-02.
- ↑ MSX-FAN Magazine, febreiro de 1995, p. 90.
- ↑ Forbes, Jim (1986-02-10). "Microsoft Files With SEC for Spring Stock Offering". InfoWorld (en inglés) 8 (6): 6. Arquivado dende o orixinal o 2022-03-20. Consultado o 2021-10-29.
- ↑ "Retroinspection: MSX". Retro Gamer (en inglés) (60) (Bournemouth: Imagine Publishing). febreiro de 2009. pp. 32–41. ISSN 1742-3155.
- ↑ "Pisa MSX Devcon". Retro Computer (en inglés) (6) (Cernusco sul Naviglio, Sprea). febreiro/marzo de 2025. p. 31. ISSN 3034-8676.
- ↑ "Distance education in the Cuban context" (en inglés). 2012-07-22. Arquivado dende o orixinal o 2012-07-22.
- ↑ "MSX IN SPAAAACCCEE". msx.gnu-linux.net (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 2020-08-04. Consultado o 2011-08-25.
- ↑ "Project EGG" (en xaponés). Consultado o 2026-02-18.
- ↑ "1chipMSX" (en xaponés). D4 Enterprise. Consultado o 2010-10-28.
- ↑ "1chipMSX". msx.org (en inglés). 2024-01-23. Consultado o 2026-02-18.
- ↑ "The birth of a GR8BIT – The do it yourself MSX 2". MSX Resource Center (en inglés). 2012-01-18. Arquivado dende o orixinal o 2013-07-19. Consultado o 2013-04-13.
- ↑ "The MSX Mini Replica ya disponible, Crónicas de Lars XXVIII | Retroinvaders". retroinvaders.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 2021-01-21. Consultado o 2025-05-12.
- ↑ "MSX Co-Creator Kazuhiko Nishi Reveals "Every MSX Can Be An MSX3"". www.timeextension.com (en inglés). January 30, 2023. Arquivado dende o orixinal o 2023-09-24. Consultado o 2023-09-11.
- ↑ @nishikazuhiko (2025-04-23). "西和彦破産手続き終了のご報告。". X (anteriormente Twitter) (en xaponés).
- ↑ "MSX Co-Creator Aims to Devote Life to Education, Following End of Bankruptcy Proceedings" (en inglés). 2025-04-25.
- 1 2 3 "MSX1 Standard definition and remarks". FAQ MSXNet (en inglés). Consultado o 2026-02-11.