Este artigo amosa escritos chineses. Sen o soporte axeitado, o texto pode mostrar símbolos sen sentido, coma caixas, marcas e outros.
Este artigo amosa escritos coreanos. Sen o soporte axeitado, o texto pode mostrar símbolos sen sentido, coma caixas, marcas e outros.
O hanja ou hancha (en hangeul: 한자; en hanja: 漢字) é o nome que reciben os caracteres chineses empregados para escribir a lingua coreana. Os hanja introducíronse en Corea por vez primeira xunto co chinés literario, mais axiña foron adaptados para transcribir a fala nativa da península; os exemplos máis antigos deste uso datan do período Gojoseon.
O termo hanjaeo (en hangeul: 한자어; en hanja: 漢字語) refírese ao vocabulario sinocoreano, que pode escribirse en hanja. Pola súa banda, hanmun (en hangeul: 한문; en hanja: 漢文) designa ao chinés clásico, aínda que a propia palabra "hanja" pode usarse tamén neste sentido. Xa que os hanja non foron nunca sometidos a grandes reformas, parécense moito ao chinés tradicional e aos kanji xaponeses, aínda que a orde dos trazos de certos caracteres pode variar lixeiramente. En consecuencia, só unha pequena cantidade de hanja recibiron modificacións ou son únicos do coreano. Pola contra, os sistemas de escrita empregados na actualidade na República Popular da China, Malaisia e Singapur foron simplificados, polo que en xeral conteñen menos trazos que os seus correspondentes hanja.