Game Boy Micro
| Game Boy Micro | |||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| |||||||||
| |||||||||
| Características | |||||||||
|
Procesador
| |||||||||
| |||||||||
| |||||||||
| |||||||||
| |||||||||
| Wikidata C:Commons | |||||||||


A Game Boy Micro (en xaponés: ゲームボーイミクロ, Gēmu Bōi Mikuro) é unha pequena videoconsola portátil da empresa xaponesa Nintendo. Lanzada ao mercado en 2005 e fabricada dende ese ano até 2008, trátase do derradeiro modelo de Game Boy e o segundo redeseño da Game Boy Advance, á cal se cambiou o seu deseño, facéndoo así máis pequeno, lixeiro e moderno.
A consola contén unha batería de ión litio e posúe unha pantalla retroalumada con axuste de intensidade. Hai máis de 5 deseños, entre eles o prata, o vermello, o rosa, o azul e o verde. A Micro só é compatíbel cos xogos das Game Boy Advance, xa que non posúe o hardware necesario para a compatibilidade cos xogos de Game Boy e Game Boy Color.[1]
Introdución
[editar | editar a fonte]A Game Boy Micro foi revelada por primeira vez o 17 de maio de 2005 por Reggie Fils-Aimé (CEO de Nintendo of America entre 2006 e 2019) na E3 de 2005.[2][3]
A consola foi lanzada no Xapón o 13 de setembro do 2005, en América o 2 de outubro do 2005, en Australia o 3 de novembro do 2005, en Europa o 4 de novembro de 2005 e na China, baixo o nome de iQue Game Boy Micro, o 1 de outubro de 2005.
A consola vendíase a 99,99$ nos Estados Unidos,[4] un prezo algo superior aos 79$ que custaba daquela a Game Boy Advance SP. O sistema dende o lanzamento atopábase dispoñíbel en cores vermella e prateada, e na edición especial do 20.º aniversario. No Xapón vendíase a 12.000¥,[5] que son 2.800¥ máis ca a Game Boy Advance SP.
Deseño e especificacións
[editar | editar a fonte]A Game Boy Micro conserva moitas das funcionalidades da Game Boy Advance SP, mais con novos elementos. É o modelo máis pequeno de todas as Game Boy, e é moito máis lixeira, tendo dous terzos de peso menos ca o iPod Mini. Ademais destaca a capacidade de reaxustar o alumamento da pantalla a catro tons. Na Game Boy Micro tamén destaca, ao igual que algúns teléfonos móbiles, en que se pode cambiar a carcasa,[6] habendo moitas carcasas coleccionábeis con deseños variados.
- Dimensións: 50 x 101 x 17,2 milímetros. A consola é tan pequena que posúe un tamaño semellante ao dunha tarxeta de crédito.[7]
- Peso: 80 gramos (2.8 onzas)[8]
- Procesador: de 32 bit e 16.8 MHz (AMRM7TDMI)
- Pantalla: 51 milímetros, 2 polgadas. Luz con alumamento axustábel.
- Batería: A batería de ión litio recargábel tarda unhas 2,5 horas en cargar ao máximo.[8] Dura 7 horas co volume e a luz ao máximo e 13 horas co volume e a luz medios.
A Game Boy Micro ten tamén un interruptor no seu lado dereito para axustar o volume. Na parte superior esquerda atópase o botón L que pode ser usado para axustar o ton do alumamento. Nintendo deseñou o seu adaptador de música-vídeo para a Game Boy Micro, coñecido como Play-Yan Micro. Este adaptador pode reproducir (unicamente na Game Boy Micro e na Nintendo DS Lite, xa que é moi pequeno para as outras consolas) ficheiros MP3 e ficheiros de vídeo con tarxetas SD.
Recepción
[editar | editar a fonte]A pantalla retroalumada da Game Boy Micro, superior á do modelo orixinal de Game Boy Advance SP con alumamento frontal (unha remodelación posterior con retroalumamento engadiu unha pantalla similar de alta calidade ás consolas SP), foi gabada pola súa visibilidade.[9] Grazas a unha distancia entre puntos máis fina, a pantalla da Micro alúmase de xeito máis uniforme e o brillo é axustábel.
As carcasas frontais extraíbeis tamén foron gabadas porque permiten a personalización da consola e protexen a pantalla retroalumada de alta resolución.[9]
Saída e vendas
[editar | editar a fonte]En xeral, a Game Boy Micro non tivo boas vendas e non acadou o obxectivo de vendas da compañía Nintendo. Vendéronse algo máis de 170 000 unidades da Micro durante os seus primeiros días no Xapón.[10] Segundo un informe de resultados de Nintendo do primeiro trimestre de 2007, ata o 31 de marzo dese ano vendéranse só 2,42 millóns de unidades da Game Boy Micro en todo o mundo, incluíndo 610 000 unidades no Xapón, 950 000 en América e 870 000 noutros territorios como Europa e Oceanía.[11] O 30 de xullo de 2007, vendéranse 2,5 millóns de unidades da Game Boy Micro, segundo GamePro.
Porén, segundo outras fontes, vendéronse tan só un pouco menos de 2.000.000 de unidades da Micro en todo o mundo, que son: 590.000 unidades no Xapón, 530.000 unidades en Norteamérica e 800.000 en Europa e Australia.[12] A Micro ocupou o posto número 8 na lista de GamePro das "10 consolas portátiles peor vendidas de todos os tempos".[13]
Reinicio en quente
[editar | editar a fonte]A Game Boy Micro ten ademais a posibilidade de reiniciarse de maneira analóxica, isto é, cortando e restabelecendo fisicamente o paso da electricidade mediante o interruptor de aceso/apagado da consola, a posibilidade de facer un reinicio en quente, ou sexa, un reinicio da consola de maneira dixital, isto é, sen a necesidade de romper o circuíto físico. Isto é especialmente útil cando un xogo fica conxelado ou cando se está xogando cun cartucho que inclúe a posibilidade de xogar a varios xogos (Final Fantasy I & II: Dawn of souls, por exemplo). En calquera caso, isto pódese realizar apertando en calquera momento (só basta que a consola estea acesa) e de maneira simultánea os botóns Start+Select+A+B.
Edicións especiais
[editar | editar a fonte]
- 1. Game Boy Micro Pokémon Center Pikachu Edition (2005).
- 2. Game Boy Micro 20 Aniversario (2005).
Críticas
[editar | editar a fonte]No seu libro Disrupting the Game: From the Bronx to the Top of Nintendo (en galego: Interrompendo o xogo: do Bronx ao cume de Nintendo), Reggie Fils-Aime criticou negativamente á Game Boy Micro. O ex CEO de Nintendo of America escribiu que a Game Boy Micro nunca debería ter saído ao mercado porque, segundo el, a consola é tan pequena que a unha persoa adulta de tamaño razoável cústalle premer os botóns.[7]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Game Boy Micro cumple 15 años desde su estreno en Japón: Nintendo está de celebración por partida doble. www.hobbyconsolas.com.
- ↑ Carless, Simon (17-05-2005). "Nintendo Announces Game Boy Micro". www.gamasutra.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 19 de xullo de 2019. Consultado o 15-01-2026.
- ↑ Taub, Eric A. (18-05-2005). "New Miniature Game Boy Due in Fall From Nintendo". The New York Times (en inglés). ISSN 0362-4331. Arquivado dende o orixinal o 19 de xullo de 2019. Consultado o 15-01-2026.
- ↑ Harris, Craig (2005-09-12). "Game Boy Micro US Packaging". IGN. Arquivado dende o orixinal o 20 de xullo de 2019. Consultado o 13-01-2026.
- ↑ Game Boy Micro a la venta hoy en Japón. Xataka.com.
- ↑ Nintendo anuncia Game Boy Micro (17 de maio de 2005). www.elotrolado.net.
- ↑ 7,0 7,1 Game Boy Micro, la consola que nunca debió llegar al mercado occidental. La Razón.
- ↑ 8,0 8,1 Game Boy Micro. Nintendo.es.
- ↑ 9,0 9,1 Sarrel, Matthew D. (01-09-2005). "Game Boy Micro". PCMag. Arquivado dende o orixinal o 20 de xullo de 2019. Consultado o 17-01-2026.
- ↑ Jenkins, David (2005-09-23). "Japanese Sales Charts, Week Ending September 18". Gamasutra (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 26 de xaneiro de 2009. Consultado o 13-01-2026.
- ↑ Consolidated Financial Highlights (PDF) (arquivado en Archive.org). www.nintendo.co.jp.
- ↑ La curiosa historia detrás de la creación de la Game Boy Micro Arquivado 22 de abril de 2024 en Wayback Machine. (16-06-2022). www.nintenderos.com.
- ↑ Blake Snow (30-07-2007). "The 10 Worst-Selling Handhelds of All Time". GamePro. Arquivado dende o orixinal o 12 de outubro de 2007. Consultado o 13-01-2026.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]| Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Game Boy Micro |