Linux
![]() | Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde agosto de 2016.) |
Linux | |
---|---|
![]() | |
Desenvolvedor | A comunidade |
Familia de S.O. | Software libre |
Lanzamento | versión 0.01, 17 de setembro de 1991 |
En galego | Si |
Espazo de usuario | Escritorio táctil, dispositivos móbiles, servizos incorporados, servidores, supercomputadores |
Interface de usuario | Múltiples interfaces gráficas |
Modelo de desenvolvemento | Aberto |
Núcleo | Linux Kernel |
Tipo de núcleo | Monolítico |
Licenza | GNU, entre outras |
Última versión estable | 4.10.3 (estable, liberada o 19 de febreiro de 2017) 19 de febreiro de 2017 |
Estado actual | En desenvolvemento |
Sitio web | kernel.org |

Linux é o kernel utilizado nos sistemas GNU/Linux, e que se atopa na súa versión estable 4.10
. Atópase baixo a licenza GNU GPL. Linux é unha marca rexistrada que pertence ó seu desenvolvedor orixinal, Linus Torvalds.
Nos últimos dez anos contribuíron ao desenvolvemento do kernel de Linux máis de 1,300 compañías de todo o mundo. As compañías que destacan no apoio ao desenvolvemento e a o patrocinio son Intel, Red Hat, Linaro, Samsung, SUSE, IBM, Renesas, Google, AMD, Texas Instruments e ARM [1]. O versión 4.7 supuxo 12 mil cambios de 1,500 persoas. Destes o 80% dos cambios pertencen a desenvolvedores de compañías como Red Hat ou Intel [2]. Máis do 35% das webs fornécenas sistemas Linux [3]
Orixe
UNIX deixou de distribuírse de balde durante os anos 80, cando era o sistema operativo preferido nas universidades. Estas optaron por usar Minix, unha versión barata e limitada creada para o ensino. Linus Torvalds, que por aquel entón estudaba na Universidade de Helsinki, usaba Minix na casa. Pero Torvalds non gustaba das súas limitacións, e comezou a escribir o seu propio sistema operativo como entretemento. O 25 de agosto de 1991, Torvalds anunciou o seu proxecto en usenet
e atraeu así a atención de numerosos hackers de todo o mundo. O primeiro que fixo foi o kernel dese sistema operativo, que denominou Linux, e púxoo a disposición pública a través da rede. E en lugar de desenvolver o resto das aplicacións, utilizou software libre xa existente, o que reduciu enormemente a súa tarefa de desenvolver un sistema operativo completo.
Richard Stallman, líder do proxecto GNU que desenvolvera gran parte do software libre que aproveitara Torvalds para o seu sistema, convenceu a este de que liberase o kernel Linux baixo a licenza GNU GPL e o convertese así en software libre. Iso foi a clave da aparición dos sistemas GNU/Linux, e supuxo tamén a entrada de moitos desenvolvedores ao equipo de desenvolvemento do kernel.
A versión 1.0 do núcleo de Linux fíxose pública en marzo de 1994. Desde entón, o kernel continuou a desenvolverse velozmente baixo a "ditadura benévola" de Linus Torvalds, que ten a última palabra sobre o que se modifica ou engade ao núcleo.
Desenvolvemento
Só uns poucos programadores traballan directamente nas funcionalidades básicas do núcleo e moitas destas achegas están feitas por empresas. A maior parte do código constitúena os controladores, dos que hai miles, cada un coas súas particularidades. Como non interactúan entre eles, senón co núcleo, o desenvolvemento de código para que funcionen déixase a colaboradores voluntarios que vexan a necesidade de utilizar dispositivos que necesiten deses controladores. Isto permite que Linux se probe efectivamente en moitos sistemas moi variados pero trae o inconveniente de que, en xeral, hai que esperar semanas ou ata meses a que un dispositivo acabado de saír ao mercado podía ser usado –en parte tamén porque moitas empresas non queren desvendar o funcionamento interno dos seus produtos, aínda que isto sucede cada vez menos–.
O factor principal no proceso de desenvolvemento de Linux é que o código fonte está dispoñible publicamente baixo unha licenza que permite a súa modificación e distribución libre. Por esta razón, ao poder ser visto por moita xente, se se atopa un problema resulta máis doado solucionalo e se falta unha funcionalidade pódese engadir.