Linux

Linux é o kernel utilizado nos sistemas GNU/Linux, e que se atopa na súa versión estable 3.9
. Atópase baixo a licenza GNU GPL. Linux é unha marca rexistrada que pertence ó seu desenvolvedor orixinal, Linus Torvalds.
Orixe
UNIX deixou de distribuírse de balde durante os anos 80, cando era o sistema operativo preferido nas universidades. Estas optaron por usar Minix, unha versión barata e limitada creada para o ensino. Linus Torvalds, que por aquel entón estudaba na Universidade de Helsinki, usaba Minix na casa. Pero Torvalds pero non gustaba das súas limitacións, e comezou escribir o seu propio sistema operativo como entretemento. O 25 de agosto de 1991, Torvalds anunciou o seu proxecto en usenet
e atraeu así a atención de numerosos hackers de todo o mundo. O primeiro que fixo foi o kernel dese sistema operativo, que denominou Linux, e púxoo a disposición pública a través da rede. E en lugar de desenvolver o resto das aplicacións, utilizou software libre xa existente, o que reduciu enormemente a súa tarefa de desenvolver un sistema operativo completo.
Richard Stallman, líder do proxecto GNU que desenvolvera gran parte do software libre que aproveitara Torvalds para o sue sistema, convenceu a este de que liberase o kernel Linux baixo a licenza GNU GPL e o convertise así en software libre. Iso foi a clave da aparición dos sistemas GNU/Linux, e supuxo tamén a entrada de moitos desenvolvedores ao equipo de desenvolvemento do kernel.
A versión 1.0 do núcleo de Linux fíxose pública en marzo de 1994. Desde entón, o kernel continuou a desenvolverse velozmente baixo a "ditadura benévola" de Linus Torvalds, que ten a última palabra sobre o que se modifica ou engade ao núcleo.
Desenvolvemento
Só uns poucos programadores traballan directamente nas funcionalidades básicas do núcleo. A maior parte do código constitúenna os controladores, dos que hai miles, cada un coas súas particularidades. Como non interactúan entre eles, senón co núcleo, o desenvolvemento de código para que funcionen déixase a colaboradores voluntarios que vexan a necesidade de utilizar dispositivos que necesiten deses controladores. Isto permite que Linux se probe efectivamente en moitísimos sistemas moi variados pero trae o inconveniente de que, en xeral, hai que esperar semanas ou ata meses a que un dispositivo recén saído ao mercado poda ser usado –en parte tamén porque moitas empresas non queren desvendar o funcionamento interno dos seus produtos, ainda que isto sucede cada vez menos─.
O factor principal no proceso de desenvolvemento de Linux é que o código fonte está dispoñible publicamente baixo unha licenza que permite a súa modificación e distribución. Por esta razón, ao poder ser visto por moita xente, se se atopa un problema resulta máis doado solucionalo e se falta unha funcionalidade pódese engadir.