International Standard Musical Work Code

O ISWC (acrónimo inglés de International Standard Musical Work Code) é o número de referencia internacional para a identificación e comercialización de obras musicais.
Orixe e funcións
O ISWC é parte do plan CIS (Common Information System) do CISAC, que a confederación de sociedades de protección de dereitos dos autores desenvolveu para responder ás necesidades de información na era dixital. Foi aprobado pola ISO (acrónimo inglés de International Organization for Standardization, en galego: Organización Internacional de Estandarización) e existe unha regulación que define o xeito no que o ISWC debe estar estruturado, así como as normas de emisión e aplicación.
O ISWC identifica as obras musicais por referencia ao título dunha obra e aos seus creadores (incluídos compositores, autores e arranxistas). Con todo, no serve para identificar os casos de utilización das obras en manifestacións, como publicacións, gravacións ou difusións. Existen outros códigos para isto: o Código Estándar Internacional de Gravación (ISRC) para gravacións sonoras; o Código Internacional Normalizado para Obras Textuais (ISTC) para os textos ou outro tipo de execución relacionada coa obra musical.[1]
Tódolos ISWC comezan pola letra T, seguida de nove números e un díxito de control ao final (Exemplo: ISWC T-123.456.789-1, ou ISWC T-123456789-1, ou simplemente ISWC T1234567891).
Os números de licenza ISWC son asignados polas sociedades de protección de dereitos (Sgae, en España) só cando o creador está debidamente identificado.
A Axencia Internacional ISWC, designada pola norma ISO, é a responsable dos sistemas de mantemento e administración. A Axencia Internacional ISWC nomeará e supervisará a tarefa dos entes rexionais e/ou locais ISWC. Estes organismos están autorizados para recibir e tramitar as solicitudes ISWC e para asignar os números ISWC ás obras musicais. Unha axencia ISWC local asigna os números ISWC ás obras baixo a súa autoridade. Adminístrase unha base de datos para os números asignados ISWC e os seus correspondentes metadatos. Así mesmo, dispoñen dunha rede de información ISWC con outros organismos ISWC locais e as sociedades.
Central ISWC
A central atópase en Francia.
Notas
- ↑ Identificadores internacionales (Páxina da International Confederation of Authors’ and Composers’ Societies)
Véxase tamén
Ligazóns externas
- Axencia Internacional ISWC Web oficial. Dispón dun motor de procura para a localización de obras.
- SGAE Web da Sociedade Xeral de Autores e Editores. Dende aquí, tamén se pode acceder aos motores de procura ISWC.