Saltar ao contido

HTML

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Revisión feita o 2 de maio de 2010 ás 19:00 por Xoacas (conversa | contribucións) (Lixo)

En informática, o HTML ou HyperText Markup Language é unha linguaxe de etiquetado deseñada para a creación de páxinas web con hipertexto e calquera outra información que se queira amosar no navegador de internet. HTML úsase para estruturar información (definindo certas secuencias ou cadeas coma epígrafes, parágrafos, listas, etc.) e pode usarse en certa medida para describir a aparencia e semántica dun documento. A estrutura gramatical do HTML é o HTML DTD, que se creou utilizando a sintaxe SGML.

Definiuno inicialmente Tim Berners-Lee e logo desenvolveuno o IETF: agora conta cun estándar internacional (ISO/IEC 15445:2000), tralo cal as especificacións ulteriores están delimitadas polo World Wide Web Consortium (W3C).

As primeiras versións de HTML definíronse con regras sintácticas moi laxas, que axudaron á súa adopción por parte dos non iniciados coa publicación na rede. Os navegadores de internet normalmente deducían o significado en certas seccións e amosaban a páxina web. Co tempo, a tendencia dos normativas oficiais foi a de crear unha sintaxe da linguaxe cada vez máis estrita, a pesares de que os navegadores continúan amosando páxinas que aínda están moi afastadas do HTML válido.

A evolución do HTML continúa con XHTML, o seu análogo baseado en XML, que aplica a sintaxe menos ambigua do XML a HTML para facelo máis doado de procesar e manter. Mentres continúa publicando recomendacións para HTML 4.01, agora o W3C centra a súa atención no desenvolvemento deste XHTML, sucesor de HTML.